Pontevedra dá voz a dúas defensoras dos dereitos humanos que tiveron que fuxir de Colombia e Nicaragua
Por Redacción
Vilagarcía de Arousa, Redondela, Bueu e Cuntis acollerán durante este semana, entre o martes 19 e o venres 22 de novembro, un ciclo de charlas e debates que, baixo o título 'Defensoras de Dereitos', achegarán á poboación pontevedresa as loitas de mulleres defensoras de dereitos de Colombia, Nicaragua e Galicia.
O proxecto ‘Defensoras de Dereitos’ está impulsado pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD e este luns, antes do inicio dese ciclo de actividades, dúas das protagonistas, Alicia Valencia Cuetia (Colombia) e Georgina de los Ángeles Molina Rivera (Nicaragua), mantiveron encontros coa concelleira de Igualdade do Concello de Pontevedra, Paloma Castro, e a deputada provincial Iria Lamas.
Ambas as dúas mulleres, debido ao seu traballo como activistas ambientas e políticas, víronse obrigadas a marchar dos seus países e nestas charlas e debates falarán da persecución contra organizacións e persoas defensoras de dereitos humanos e de como aumentou de forma exponencial en todo o mundo.
Así, segundo as cifras facilitadas pola Coordinadora de ONGD, en 2018, 321 personas defensoras de 27 países foron asasinadas polo traballo de incidencia e denuncia que levaban a cabo en organizacións e movementos sociais. É o número máis alto rexistrado nunca, segundo os datos recompilados pola organización Front Line Defenders.
As mulleres defensoras de dereitos humanos, ademais de ser obxecto das mesmas ameazas que os homes, sofren violencia de xénero (violencia sexual, desprestixio, exclusión de cargos públicos…) por parte de actores estatais e non estatais, así como dentro dos propios movementos de dereitos humanos.
Estas dúas activistas darán a coñecer as causas e consecuencias globais que están a provocar esta situación e visibilizarán exemplos de loita e resistencia con charlas o 19 de novembro ás 19.00 horas no Salón García de Vilagarcía, o 20 de novembro ás 19.00 horas na Casa da Cultura de Redondela, o 21 de novembro á mesma hora na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu e o venres 22 ás 10.00 horas na Biblioteca Municipal Roberto Blanco Torres de Cuntis.
En Bueu tamén estará a activista feminista galega Lola Ferreiro Díaz e en Cuntis Tamara Morales, xornalista nicaraguana con máis de 15 años de experiencia e defensora de derechos humanos afincada en Galicia dende hai 12 anos .
Alicia Valencia Cuetia é defensora dos dereitos humanos en Colombia e orixinaria de Nasa, no municipio de Corinto, ao norte do Cauca colombiano e Georgina de los Angeles Molina Rivera é activista feminista defensora de dereitos humanos en Nicaragua. Ningunha das dúas pode, polo momento, volver aos seus lugares de orixe e este luns aproveitaron a súa visita a Pontevedra para pedir ser escoitadas e que a comunidade internacional coñeza o que está a suceder nestes países.
As charlas complementaranse con actividades de comercio xusto, entre as que se inclúen unha feira, un showcooking e obradoiros infantís e xuvenís en Combarro (Poio), Nigrán e Marín. Así, o 24 de novembro terá lugar a feira 'Comercio con sentido' na Praza Rualeira de Combarro (entre as 11 e as 14 horas) e o showcooking 'Cociñando Comercio Xusto' na Escola do Campo ás 12.30 horas. O día 26 de novembro no CEIP Chancelas (Poio) ás 10.00 horas terá lugar o obradoiro infantil 'Coñecendo o comercio xusto a través da cociña'.
En Marín haberá actividades o 28 de novembro. A feira 'Comercio con Sentido' terá lugar no IES Chan do Monte ás 10.00 horas e ás 9.10 horas (no mesmo centro) o obradoiro xuvenil 'Vaia tea'. O showcooking 'Cociñando con Comercio Xusto' será tamén o mesmo día ás 19.00 horas no Ateneo Santa Cecilia de Marín.
Relacionadas:
-
Activistas de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua protagonizan a II edición de 'Defensoras de Dereitos'
Por Redacción |
-
Trinta persoas dan voz á Declaración Universal dos Dereitos Humanos
Por Cristina Saiz |
-
Lectura pública da Declaración Universal dos Dereitos Humanos polo seu 71 aniversario
Por Redacción |