Inicio das obras de reforma da depuradora de Paradivas para evitar a proliferación de algas no encoro de Caldas
Por Redacción
A consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou os traballos para reformar a depuradora municipal de Paradivas, no municipio de Caldas de Reis. Trátase dunha obra promovida polo organismo Augas de Galicia cun investimento de 36.000 euros.
A depuradora de titularidade do Concello, segundo a Xunta, atopábase inoperativa e agora a través da empresa Viaqua Xestión Integral vai mellorar o illamento das casetas para evitar a entrada de auga no interior.
Tamén está previsto realizar diversas intervencións para regular o caudal que ten acceso á depuradora de augas residuais, coa instalación dunha arqueta aliviadora e un sistema de by-pass, ademais de establecer un caudalímetro de auga tratada e unha sonda de osíxeno. Tamén se baleirará e limpará toda a estación depuradora e van cambiarse os equipos que se atopen avariados.
Con todo este operativo, a Xunta entende que a depuración das augas residuais contribuirá a rebaixar a entrada de nutrientes no encoro do Umia e, desta forma, agardan que se evite a proliferación de algas, que todos os anos afecta á infraestrutura.
Tamén se está acometendo a recuperación do bosque de ribeira coa intención de mellorar toda a contorna do Umia. Este proxecto contempla a recuperación de masa arbórea e potenciar tratamentos de mellora silvícola que dinamicen a rexeneración natural e a función da masa forestal.