Expropian unha parcela detrás do Pavillón Municipal para uso público
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra deu conta do importe da expropiación dunha parcela de 650 metros cadrados situada nunha zona verde entre o Pavillón Municipal, a Igrexa de Santiaguiño do Burgo e a Avenida de Compostela.
Segundo explicou a portavoz do goberno local, Anabel Gulías, "estes terreos formarán parte xa do patrimonio municipal" unha vez que se abone os 73.697 euros nos que o Xurado de expropiacións de Galicia estimou o valor desta leira, moi por baixo dos 300.000 euros que solicitaban os seus propietarios.
O concelleiro de Desenvolvemento Sustentable, Iván Puentes adiantou que a intención da súa concellería é rexenerar e mellorar paisaxísticamente toda esta contorna. Para iso derrubarase o muro de peche desta parcela, plantaranse árbores e sementarase céspede, "para o seu uso e goce por parte dous veciños e as veciñas".
Estudarase a posibilidade de acondicionar unha instalación para xogar á petanca.
O Concello de Pontevedra pretende que estes traballos se prolonguen ao longo de toda a marxe esquerda da avenida de Compostela, especialmente na zona traseira do Estadio de Pasarón onde xa hai algunhas parcelas que son de titularidade municipal e mantense negociacións cos propietarios do resto.