A imposibilidade de configurar o xurado obriga a suspender o xuízo ao excontable da Confraría do Grove por malversación
Por Manu Otero
O xuízo ao ex contable da Confraría de Pescadores San Martiño do Grove, por malversación de fondos públicos tiña previsto o seu comezo este luns, pero tivo que suspenderse pola imposibilidade de configurar o xurado ao ausentarse unha das vinte persoas que estaban citadas.
O xurado componse de nove titulares e dous suplentes, que son escollidos por sorteo de entre os vinte convocados. O caso, procedente do Xulgado de Instrución Número 1 de Cambados, queda posposto para a próxima semana na que volverán a intentar configurar o xurado
A Fiscalía solicita unha pena de prisión de seis anos de prisión e quince de inhabilitación polos delitos cometidos.
No escrito de acusación, detalla que o acusado "obrando con ánimo de ilícito enriquecemento, faltando ao deber de lealdade para coa Confraría de Pescadores San Martiño do Grove da que era empregado, e aproveitando a circunstancia de ter acceso ás caixas e contas bancarias da entidade pola súa condición de encargado da área económica, concibiu o plan de ir facendo súas paulatinamente diversas cantidades durante os anos 2009 e 2010, logrando incorporar ao seu patrimonio un total de 505.515,83 euros".
No documento, a Fiscalía puntualiza que o acusado sofre un trastorno de ludopatía, o que se demostra co gasto de máis de 47.000 euros que realizou no Casino de la Toja entre o 7 de marzo de 2009 e 7 de abril de 2010.
Como consecuencia deste desfalco, a confraría viuse inmersa en problemas de falta de liquidez que lle impediron abonar parte das súas obrigacións con Facenda.
Aínda que o fiscal recoñece certas atenuantes no seu escrito, como o de confesar os feitos ou padecer ludopatía, mantén a súa petición de cárcere e a devolución de todas as cantidades das que se apropiou.