Aproban un investimento de 1,1 millóns de euros para o saneamento integral do Saco de Fefiñáns
Por Redacción
O Consello da Xunta aprobou este xoves a colaboración técnico-financeira entre o ente público de Augas de Galicia e o Concello de Cambados, para a execución da Fase II do proxecto de recollida de verteduras no Saco de Fefiñáns. A Fase I, de menor importe, licitarase conxuntamente con esta segunda para rematar así dunha vez o saneamento do saco.
Os traballos que se van executar permitirán a eliminación de todas as verteduras de augas residuais que se están a efectuar por parte dun conxunto de vivendas non conectadas á rede de saneamento municipal, que verten directamente ao Saco ou ben ao río Corvillón. O Goberno galego destinará para estas accións o custo total das obras valoradas en 1,13 millóns de euros e executaranse nun prazo dun ano.
O río Corvillón está encauzado nun tubo baixo a rasante da estrada PO-549 (Vilagarcía de Arousa-Cambados), a través dunha bóveda de formigón. Debido a este cruzamento a rede de saneamento construíuse dun xeito moi superficial para poder pasala por enriba da bóveda e levar as augas residuais ata o bombeo da Cabana.
Por outra banda, existe un grupo de vivendas construídas a unha cota inferior á da vía que discorre en terraplén, polo que as acometidas domiciliarias non puideron ser recollidas e, como consecuencia, ou ben se acometen ao saneamento antigo, que descarga no río Corvillón e este, en última instancia, no Saco Fefiñáns, ou ben directamente teñen a saída do saneamento pola parte posterior da vivenda coa vertedura directa ao fondo do Saco.
Para solucionar a problemática das verteduras, estas recolleranse no contorno da avenida de Vilagarcía, executando unha rede separativa de colectores de PVC e unha nova estación de bombeo integrada nun tanque de tormentas no Pombal. Este tanque, ou depósito de retención de augas unitarias, constará de canal de entrada, unha cámara principal de laminación e un pozo de bombeo.
Na Cabana proxéctase a execución dun novo colector que precisará da execución de varios treitos con perforación horizontal dirixida. Tamén se mellorará o saneamento na rúa do Pombal selando un alivio existente e instalando un bombeo compacto, e por último, está prevista a recuperación dun treito do río Corvillón.
SANEAMENTO INTEGRAL DO SACO DE FEFIÿANS
O proxecto de Saneamento Integral do Saco de Fefiñáns definiuse a partir do Plan de saneamento local da Ría de Arousa, que estudou co máximo detalle o funcionamento das redes de saneamento para atallar as súas problemáticas, especialmente en tempo de chuvia.
As obras da Fase II de recollida de verteduras no Saco de Fefiñáns licitaranse conxuntamente coas obras da Fase I, que conta cun orzamento de 95.000 euros, que afronta o saneamento dunha rúa paralela á estrada autonómica, e cuxo sistema de sumidoiros verte directamente sen tratamento sobre un dos dous regatos que chegan ao fondo do saco.
Esta primeira fase centra os traballos en cambiar 120 metros de colectores e instalar unha pequena estación de bombeo no punto baixo da zona no río Corvillón para recoller as augas residuais das vivendas desa rúa para impulsalas e poder conectalas á rede de saneamento actualmente existente.