A empresa Extraco comezará nos próximos días as obras na estación de autobuses
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de formalizar o contrato para executar as obras de adecuación do complexo intermodal de Pontevedra. A empresa Extraco, Construccións e Proxectos é a adxudicataria desta actuación.
As obras deste complexo intermodal arrancarán nas vindeiras semanas co comezo do acondicionamento do edificio da terminal de autobuses.
Estes traballos suporán unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética do edificio, ao incluír a renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores e a mellora das instalacións e dos sistemas de información.
A Xunta, a través desta reforma da estación de autobuses e da adecuación do complexo, busca acadar unha intermodalidade real entre esta terminal e a de ferrocarril.
A conexión entre estacións será máis sinxela e segura para os transeúntes grazas a un itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación, mellorando a seguridade viaria e recuperando un espazo público para os cidadáns.
O proxecto tamén inclúe a eliminación dos actuais accesos de autobuses, construíndo un novo enlace directo dende a avenida Josefina Arruti, onde se instalarán semáforos regulados a demanda e carrís de espera.
Ademais porase en valor o contorno do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo para o desfrute cidadá mediante a rexeneración da área ao carón da estación de autobuses, destapándose o leito e construíndose unha pasarela de madeira que facilite o paseo.
Estas actuacións están enmarcadas nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, que conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros, dos que o goberno galego achega o 75%, é dicir, máis de 4,6 millóns.
Relacionadas:
-
A estación intermodal estará operativa para recibir a avalancha de pasaxeiros do Xacobeo 2021
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
As obras da estación intermodal comezarán "despois de Reis"
Por Alejandro Espiño |
-
A reforma integral da estación de autobuses obtén licenza
Por Oskar Viéitez |
-
O saneamento da ría, Montecelo ou a estación intermodal, prioridades da Xunta para Pontevedra en 2020
Por Alejandro Espiño |
-
Doce empresas están interesadas nas obras da estación intermodal
Por Redacción |