O Sergas xustifica a súa decisión de ubicar en Tenorio a unidade de fisioterapia
Por Oskar Viéitez
A xerencia da área sanitaria de Pontevedra respostou ás manifestacións realizadas polo alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, pola sala de Fisioterapia no centro de saúde de Tenorio, nas que afirma que esta unidade se concedeu a dedo.
"Entendemos se produce polo descoñecemento por parte do alcalde, dos criterios de planificación sanitaria que se utilizan para a toma deste tipo de decisións", sinalan.
Nun comunicado de prensa, a xerencia xustifica que a elección de Tenorio para a ubicación dunha sala de fisioterapia ven dada por diferentes factores que fan do centro ubicado en Cerdedo-Cotobade "o máis axeitado".
Son características coma a área xeográfica e a poboación á que a unidade vai dar servizo. Neste caso cubre os concellos de A Lama, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Ponte Caldelas que ocupan unha amplia zona de territorio con alta dispersión e cun total de 14.300 tarxetas sanitarias, que ata o momento tiñan que desprazarse a Pontevedra.
En segundo lugar, a xerencia explica que "é ineludible" ter en conta o espazo necesario para ubicar unha sala de fisioterapia co que conta o centro de saúde de Tenorio e, en terceiro lugar, "debe terse presente a rede viaria da zona de cobertura da unidade".
Finalmente, a xerencia sinala que "Andrés Díaz falta a verdade" cando afirma que "os centros de saúde sufren recortes de personal" e asegura que "non se amortizou ningunha praza" en atención primaria nin concello de Ponte Caldelas nin en ningún outro concello da área. Pola contra, nos meses de marzo e novembro de cada ano, o Sergas asegura que cubre con interinidades todas as prazas vacantes que se producen.
Relacionadas:
-
Preocupación pola baixa da pediatra de Tenorio: "non é prudente que os nenos teñan que desprazarse ao Hospital Provincial"
Por Redacción |
-
Andrés Díaz acusa o Sergas de conceder "a dedo" unha unidade de fisioterapia ao centro de saúde de Tenorio
Por Redacción |
-
A unidade de fisioterapia do centro de saúde de Tenorio entra en funcionamento o luns 18 de novembro
Por Redacción |