Pontevedra acollerá unhas xornadas de presentación de proxectos para cine e televisión
Por Redacción
A Boa Vila acollerá entre os vindeiros días 19 e 20 novembro a XIII edición do pitching 'I+ P, Ideas para producir', unhas xornadas de presentación de proxectos para cine e televisión organizadas polo Clúster Audiovisual Galego grazas á colaboración do Concello de Pontevedra.
Esta iniciativa ten por obxecto dar a coñecer propostas audiovisuais en distintas fases de desenvolvemento e supón unha excelente oportunidade para a venda, financiamento, distribución e coprodución de contidos para cine e televisión.
Segundo sinala a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, trátase dunhas xornadas de exposición a través da cal se pon en contacto a produtores, guionistas e outros responsables das obras con directivos de canles de televisión, plataformas de contidos, distribuidoras e grandes produtoras de cara a favorecer acordos comerciais para as producións xa nun estado máis avanzado, e facilitar o encontro con distribuidoras, programadores de antena e responsables de vendas internacionais para a comercialización das súas obras.
O 'I+P, Ideas para producir' é unha actividade subvencionada polo Ministerio de Cultura, o Instituto Galego de Promoción Económica e a Deputación de Pontevedra. Cofinanciada pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e polo Concello de Pontevedra, tamén conta coa colaboración da asociación CREA, a Pontevedra Film Commission, a plataforma Filmarket Hub, o Máster en Produción Xornalística e Audiovisual e co patrocinio de Galicia Calidade, Gadisa e a compañía Music Library & SFX.
O programa desta XIII edición, no que participarán profesionais do audiovisual de toda España, contempla para a xornada inaugural do martes 19 a realización dunha visita guiada ao Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) ás 17.30 horas, unha actividade promocional que ten o obxectivo de potenciar á cidade de Pontevedra como un escenario ideal para a rodaxe de producións audiovisuais de cine e televisión. Ademais, ás 19.00 horas terá lugar na Casa da Luz unha recepción presidida pola concelleira de Promoción Económica.
"Nos actos desta primeira xornada -explica Yoya Blanco- participarán diversos executivos do audiovisual que viaxarán ata Pontevedra co obxectivo de conseguir negocio para as súas empresas".
O segundo día, o mércores 20, realizarase no Pazo da Cultura a presentación dos 18 proxectos de cine e televisión seleccionados para participar na presente edición do ‘I+P Ideas para producir’ e, xa pola tarde, desenvolveranse os encontros one-to-one, reunións de traballo entre os executivos do audiovisual e os produtores ou creadores responsables dos proxectos, co obxectivo de establecer posibles acordos comerciais.
Nesta edición, os traballos serán presentados diante dun auditorio formado por responsables de contidos de canles de televisión, produtoras e distribuidoras de primeiro nivel, como RTVE, Mediaset España, Movistar+, CRTVG, Aragón TV, TV3, Grupo Euskaltel, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Portocabo, Atípica Films e Boomerang TV, entre outras.
Relacionadas:
-
A Pontevedra Film Commission crea unha plataforma online para amosar o talento audiovisual galego
Por Redacción |
-
Presentan 18 propostas para as diferentes canles de televisión no Clúster Audiovisual Galego
Por Redacción |
-
A Deputación apoia a película "María Solinha" por ser "un investimento e unha inmersión" na cultura da provincia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As máis importantes produtoras españolas seleccionarán proxectos audiovisuais no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Telecinco estrea "Vivir sin permiso", a serie con José Coronado e Álex González gravada en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |