Os bombeiros extinguen o incendio dunha estufa na tenda de Mango
Por Oskar Viéitez
Os bombeiros de Pontevedra tiveron que intervir este venres na tenda de Mango na rúa Benito Corbal debido ao incendio nunha estufa.
O suceso tivo lugar sobre as nove da noite. O pequeno aparello calefactor atopábase nun despacho dentro do establecemento.
O incendio provocou unha gran fumareda polo que foi necesario ventilar mecanicamente todo o local para baleirar todo o fume acumulado neste espazo confinado.
A intervención dos bombeiros xerou gran expectación entre a cidadanía que paseaba por esta rúa tan céntrica. Ao lugar do suceso tamén acudiron efectivos das Policías Nacional e Local.
O Centro de Atencións ás Emerxencias do 112 sinalou coma causa do incendio unha avaría na estufa e destaca que non houbo que lamentar danos persoais.
Ao fío das 21:00 horas, unha persoa particular púxose en contacto co 112 Galicia para informar que vía saír fume dun dos cuartos do comercio. No seu relato, o alertante indicaba que podería tratarse dun calefactor pero que non o podía comprobar xa que a porta quedóuselle atrancada. Unha vez no lugar do incidente, os servizos de emerxencia indicaron que foi necesario romper a porta para acceder ao seu interior e poder controlar o foco.