Un paseo gastronómico pola Boa Vila en 51 bocados
Por Oskar Viéitez
Un total de 53 establecementos da cidade participan desde este xoves día 14 e ata domingo 1 de decembro nunha nova edición, a duodécima, do certame Pontedetapas que ofrece 31 tapas tradicionais, 20 tapas creativas e 18 cócteles.
Serán 18 días, con tres fins de semana completas, nos que degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados e a prezos baixos: dous euros por tapa e tres por cóctel.
Como en anteriores edicións, a votación popular será a responsable de decidir a Tapa Pontevedra. A persoa que gañe este premio representará á cidade no certame De Tapas por Galicia, promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco entre os vencedores dos concursos das sete grandes urbes galegas.
Tamén terá como premio desenvolver un showcooking na edición do vindeiro ano da feira do gourmet galego Etiqueta Negra, impulsada pola Concellería de Promoción Económica.
Por outra banda, un xurado profesional probará de incógnito as propostas previamente seleccionadas polo profesorado do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Carlos Oroza e escollerá os Premios do Xurado á mellor tapa creativa, á mellor tapa tradicional e ao mellor cóctel.
Pontedetapas conta co patrocinio de Mahou, polo que tamén se outorgará un premio á mellor maridaxe con esta cervexa.
Asemade, o público terá o seu premio en Pontedetapas. A razón dun único voto por tapa ou cóctel, os clientes poderán votar a través dun cupón de votación, en formato papel, que deberán depositar nas urnas de cada local a través da app propia de Pontedetapas. Hai en xogo dous premios de 500 euros en vales para gastar no comercio/mercado local.
Un primeiro premio obterase por extracción ao azar dun cupón en formato papel de entre a totalidade dos recibidos e o segundo sortearase entre os clientes que voten a través da app Pontedetapas.
Relacionadas:
-
Comer máis aló da vista
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O 'Mare Nostrum' de El Cafetín e o bacallau con coliflor de Casa Román, gañadores de Pontedetapas 2019
Por Alejandro Espiño |
-
En novembro... de tapas por Pontevedra: volve Pontedetapas
Por Alejandro Espiño |
-
El Cafetín, sen rival en Pontedetapas
Por Redacción |