Renovado o convenio para axudas sociais entre o Concello da Lama e a Fundación Amigos de Galicia
Por Redacción
Jorge Canda, o alcalde da Lama, e o director xeral da Fundación Amigos de Galicia, Jesús Busto, asinaban este mércores o convenio de colaboración para que a Fundación Amigos de Galicia desenvolva traballos no municipio para axudar a persoas en risco de exclusión social a través dun plan integral que leva a cabo esta ONG.
Entre as principais beneficiarias das accións de maior protección a colectivos en situación de vulnerabilidade social atópanse mulleres vítimas da violencia de xénero, familias monoparentais, parados de longa duración e menores en situación de risco de exclusión social.
Con este convenio, o Concello da Lama facilita á fundación unha axuda de 1.000 euros, que se destinará a reforzar o programa e a financiar alimentos ou pezas de vestir, dentro dos proxectos deste colectivo.
Canda destacou o labor da Fundación Amigos de Galicia na provincia e sinalou que se debe manter esta relación de colaboración polo interese xeral e pola solidariedade que se transmite a través dos seus proxectos sociais.