Carmela Silva reivindica a transformación das vilas e cidades da provincia en "axentes culturais activos"
Por Redacción
A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) celebraba este martes a xornada sobre '40 anos de políticas culturais locais' no Pazo de Congresos de Toledo.
Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, participaba como máxima representante da institución provincial, que foi convidada xunto á de Palencia e á consellería de Cultura e Deportes de Castela-A Mancha. Tamén asistía a Alta Comisionada para a Axenda 2030, Cristina Gallach, e o director honorífico da Cátedra Unesco de Políticas Culturais da Universidade de Xirona, Alfons Martinell.
Carmela Silva explicou neste encontro o modelo que desenvolve desde a Deputación para cumprir cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030 da ONU.
Segundo a información facilitada pola institución provincial, Pontevedra foi recoñecida como unha referencia de boas prácticas dentro da administración local española. Carmela Silva sinalou que os 17 obxectivos aprobados pola ONU serven de principios reitores para a elaboración dos orzamentos provinciais.
Ademais, afirmou, a programación cultural da Deputación parte de catro alicerces básicos: inclusión social e igualdade, desenvolvemento económico, integración territorial e a defensa ambiental.
A presidenta provincial incidiu en que a cultura accesible, participativa e feita para romper barreiras é un dos mellores camiños para crear unha sociedade máis xusta, igualitaria, apoderada e integrada. Neste sentido apuntaba a que o apoio ao sector cultural resulta básico para unha economía sustentable, rica e diversa, que permita que as industrias culturais poidan atopar oportunidades de negocio e exporten os seus produtos.
"A provincia de Pontevedra goza de moitas posibilidades nese campo", recalcaba na súa intervención.
Silva lembrou que vilas e cidades da provincia están a se transformar e as rúas e prazas convértense en espazos de exposicións ao aire libre, en teatros ou auditorios. "Son axentes culturais activos", indicou.
A presidenta da Deputación finalizou a súa intervención agradecendo a invitación da FEMP e comprometeuse a seguir facendo da cultura un eixo transversal de todas as políticas provinciais ao servizo do cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da ONU para o 2030.