Alerta no litoral pontevedrés ante a previsión de refachos de vento de preto de 50 km/h
Por Redacción
A Axencia Estatal de Meteoroloxía prevé un episodio adverso na costa nas provincias da Coruña e Lugo cun alerta de nivel laranxa. Nestas zonas espéranse ondas de ata seis metros no mar. Co paso das horas, ao longo da tarde, os efectos deste fenómeno tamén se apreciarán no litoral pontevedrés e prolongaranse ata a próxima madrugada en todas as Rías Baixas.
Galicia atópase nun centro de baixas presións que se sitúa ao noroeste da comunidade. Os ceos atópanse cubertos e as precipitacións serán xeneralizadas, máis persistentes e intensas a partir da tarde. As temperaturas mantéñense entre os 8 e os 17 graos. O vento soprará de suroeste, aumentando progresivamente ata alcanzar refachos fortes en toda a comunidade. Na zona da Lanzada espéranse ventos de preto de 50 km/ h.
Durante o mércores, Galicia atoparase situada entre unha borrasca establecida en Irlanda e o anticiclón dos Azores á espera da chegada dunha fronte fría cara á noite. Os ceos presentaranse parcialmente nubrados con choivas débiles e ocasionais durante todo o día. Ao longo da noite entre o mércores e o xoves 14, as choivas serán xeneralizadas e, por momentos, de forte intensidade. O vento soprará de compoñente norte pola mañá e irá cambiando a oeste a partir do mediodía. Soprará con intensidade forte durante a noite, segundo as previsións do servizo de Meteogalicia.
Desde o servizo do 112 Galicia faise un chamamento á responsabilidade da cidadanía para evitar posibles danos e recoméndase á poboación que evite aproximarse a diques, praias ou cantís. Tamén pode ocasionar danos en vehículos e mobiliario urbano. En caso de contar cunha embarcación, piden que se comprobe que está ben amarrada.
Recomendan sobre todo non aproximarse á liña e de costa para facer fotos, porque é perigoso. E en caso de precisar axuda, desde Vicepresidencia da Xunta de Galicia indican que se debe chamar ao 112 Galicia.