Novo obradoiro de educación musical na Universidade para integrantes de Down Xuntos
Por Redacción
A Vicerrectoría do campus e Down Pontevedra Xuntos desenvolven por segundo ano un taller de educación musical dirixido a integrantes da asociación. O alumnado do pasado curso ampliará a súa formación ao longo dos próximos meses cunha proposta na que se traballará tanto a entoación como a vocalización como os ritmos corporais, á vez que a propia linguaxe musical.
O taller impártese na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte con preséncia sete estudantes con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. A profesora Marlene Armentero, licenciada en Educación, na especialidade de Educación Musical é a encargada de impartir este curso que conta co apoio de estudantado da facultade e do alumnado do Programa Universitario para Maiores.
Ao longo desta iniciativa dedicarase espazo ao traballo do instrumento vocal centrándose na entoación, a vocalización, a respiración e a articulación. Tamén se desenvolverá formación na percusión, coa utilización do corpo e de diferentes instrumentos. O terceiro bloque céntrase no ensino da música a través de instrumentos didácticos.
O inicio do curso estivo precedido por un encontro entre os participantes cos responsables do taller; o vicerreitor do campus Jorge Soto e a director da área de Cultura Manuel Morquecho, ademais da coordinadora de Down Pontevedra Xuntos, Paula Villaverde, segundo a información facilitada polo DUVI.