Choca contra dous coches aparcados cando circulaba en sentido contrario e bébedo
Por Redacción
A Policía Local de Marín abriu dilixencias esta fin de semana a un varón, de 61 anos de idade e de iniciais R.C.M., que foi interceptado conducindo o seu vehículo pola Rúa do Forte en sentido contrario.
O suceso tivo lugar ás 04.40 horas da madrugada do domingo. A Policía Local acudiu ao lugar e ao percibir que o condutor tiña síntomas evidentes de embriaguez, foi sometido á realización dunha proba de alcoholemia, que arroxou un 0,82, polo que case cuadriplicaba a taxa de alcohol en sangue permitida.
O vehículo, que ademais non tiña pasada a ITV, chocou contra outros dous coches estacionados, ocasionándolles danos materiais.
Os axentes abríronlle ao infractor as dilixencias xudiciais oportunas por un presunto delito contra a seguridade do tráfico.
NOVA CANLE DE INFORMACIÓN
Noutra orde de cousas, a Policía Local de Marín estreou hoxe unha conta de Facebook, @polocalmarin, que estará activa para colgar e compartir aqueles avisos e noticias que sexan de relevancia para a veciñanza da vila.