'Showcooking' con Pepe Solla, Casa Román, Eirado da Leña, Room e A Punto, na Praza de Abastos
Por Alejandro Espiño
Cociñar con produtos adquiridos na Praza de Abastos e ofrecer degustacións gratuitas ao público que se achegue a velos. ÿ a proposta na que participarán os cociñeiros de cinco dos principais restaurantes de Pontevedra e a súa comarca. Será cun 'showcooking', unha exhibición de cociña que se celebrará no mercado municipal entre o 16 e o 20 de xullo como forma de dinamizar a súa actividade.
Esta iniciativa comezará con Pepe Solla (Casa Solla) o martes 16 de xullo e, nos días sucesivos, irán participando Casa Román, ÿscar Abal e Adrián Fuentes (A Punto), José Pou (Room) e Iñaki Bretal (Eirado da Leña). Todas as exhibicións comezarán a partir das 11.30 horas. Os cociñeiros traballarán na cociña cedida por Bioka e estarán apoiados cun micrófono e un equipo de megafonía para que as súas explicacións poidan seguirse dende diferentes puntos do Mercado de Abastos. Ao remate de cada sesión ofrecerase unha degustación gratuíta do cociñado.
Os chefs non quixeron adiantar os pratos que cociñarán, aínda que admitiron que a estrela será o peixe. Todo o produto que utilizarán será adquirido, a primeira hora, nos propios postos e bancadas do Mercado. "Tendremos que venir a las diez de la mañana, para poder comprar los mejores productos", bromeou Pepe Solla, que destacou a calidade dos produtos que se ofrecen na Praza de Abastos de Pontevedra.
Pepe Solla sinalou que os profesionais da restauración teñen a obriga de coidar e enxalzar o produto fresco e a Praza de Abastos de Pontevedra segue a ser un referente, a pesares de que nos últimos anos este modelo de venda entrou en crise e para o que "hay que buscar nuevas fórmulas". Os cociñeiros, engadiu, son "prescritores" e desexou que durante esta semana sexan quen de transmitir o valor dun edificio histórico que xunta patrimonio arquitectónico e gastronómico.
Pola súa banda, Carlota Román presentou esta nova iniciativa como unha fórmula exploratoria das posibilidades do primeiro andar do edificio municipal. Agradeceu a colaboración dos cociñeiros pontevedreses, o que permite conxugar o dobre obxectivo de promocionar a praza e a gastronomía local. Lembrou que a Praza é un dos principais activos turísticos da cidade e que esta iniciativa gastronómica forma parte da campaña de promoción turística para este verán.