Éxito de público do mercado artesanal de San Martiño de Penalba a pesar da choiva
Por Redacción
Os veciños de Campo Lameiro desafiaron á intensa choiva que caeu durante toda a xornada electoral e asistiron á primeira edición da romaría e o mercado artesanal de San Martiño de Penalba.
Tratábase dunha iniciativa levada a cabo por iniciativa do cura párroco de Campo Lameiro e que contou coa colaboración do Concello e da comisión de festas de San Miguel.
Medio cento de artesáns citáronse debaixo das carpas facilitadas pola organización e os asistentes puideron ver auténticas obras de arte en diversos materiais, formas e cores facendo desta iniciativa un xeito de dinamizar o municipio de Campo Lameiro.
Ao longo da xornada realizáronse diversas actividades culturais e musicais complementarias como a actuación da Banda de Música Unión Cultural de Campo Lameiro, o dúo Caché e Nueva Era.
Houbo ademais atractivos gastronómicos como polbo á feira e churrasco ademais dunha chocolatada con churros como colofón desta xornada.
O alcalde, Carlos Costa, supervisou a colocación dos postos acompañado polos concelleiros Nieves Boullosa, Delia Carramal e Alberto Maquieira, e manifestou a súa satisfacción pola implicación activa dos artesáns expositores e dos veciños.