Os populares piden centrar o voto da dereita no PP para derrocar a Sánchez
Por Manu Otero
Baño de masas do Partido Popular no peche de campaña da candidatura de Pontevedra que tivo lugareste venres no Hotel Galicia Palace coa participación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o portavoz da agrupación municipal, Rafa Domínguez; e as candidatas ao Senado e Congreso, Pilar Rojo e María Ramallo. Nunha sala abarrotada por decenas de simpatizantes, militantes, concelleiras, deputados provinciais e autonómicos do PP, os catro políticos insistiron na necesidade de centrar o voto da dereita na candidatura popular como única alternativa para apartar a Sánchez da Moncloa.
"Se unimos o voto haberá cambio de goberno. Xa o dividimos e o PSOE saíu como a lista máis votada", declarou o presidente Feijoo, que tivo que abandonar o mitin antes de que finalizase para cumprir co compromiso do seu partido no peche de campaña da Coruña. No mesmo sentido pronunciouse a candidata Ramallo, que foi a encargada de pechar o acto e culpou a Pedro Sánchez da nova convocatoria electoral e defendeu a capacidade do seu partido para formar un goberno. "Porque temos experiencia de goberno e porque botaron a Rajoy cunha moción de censura que foi unha vergoña", enumerou Ramallo algunha das razóns polas que votar pola súa candidatura.
Convencidos de que son a única alternativa ao PSOE para gañar as eleccións, os discursos dos catro dirixentes populares centrouse en convencer aos votantes de Ciudadanos e Vox para meter no sobre a papeleta do PP. "O PSOE quere que votemos divididos, pero nin VOX nin Ciudadanos van ter escano nesta provincia, polo que temos que concentrar o voto no PP", insistiu a candidata Pilar Rojo. Unha mensaxe similar lanzou Rafa Domínguez ao afirmar que "só se pode votar a Sánchez ou a Casado porque calquera outro voto non vale para nada". Logo citou os 700 millóns que Galicia ten pendentes de recibir do Estado, a falta de investimentos para a autonomía galega nos orzamentos, a desaparición do AVE ou a inestabilidade laboral xerada na industria galega, para descartar ao candidato socialista.
Outro alicerce no que centraron as súas intervencións foi na experiencia de goberno e xestión dos populares. "Sabemos frear a crise que se aveciña", sinalou Rojo. Mentres que Feijoo pediu o voto para manter o emprego de Ence, Alcoa ou a central térmica das Pontes. "Imos defender aos currantes", proclamou o presidente.
A encargada de pechar o mitin foi María Ramallo. A candidata do PP ao Congreso pola provincia de Pontevedra expresou o seu orgullo por suceder a Ana Pastor como número un da lista por Pontevedra. A pesar de que a chamada para liderar a lista colleuna por sorpesa, Ramallo mostrouse sempre disposta "a arrimar o ombreiro" por un partido "no que sempre sentín apoiada", remarcou.
"En abril tivemos un mal resultado, pero melloramos", dixo a candidata que insistiu en "unir o voto" antes de pechar o mitin coa súa clásica cita: "O tempo pasa voando e dedicámolo a facer cousas por Marín, Pontevedra, Galicia e España, que o fagamos depende de vós", rematou.
Relacionadas:
-
Tranquila xornada de reflexión para os políticos pontevedreses
Por Alejandro Espiño |
-
As socialistas instan a votar "con cabeza e corazón de muller"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
O BNG fai unha última chamada aos votantes "desencantados" coa política, para que "non se resignen"
Por Natalia Puga |