O XV Congreso de Ciencias do Deporte e a Saúde defende a mellora da educación física nos colexios
Por Redacción
O 20% dos alumnos de Educación Primaria en España presentan sobrepeso. Este foi un dos datos máis preocupantes que se analizaron na primeira xornada do XV Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e da Saúde impulsado polas tres universidades galegas e que se celebra esta fin de semana no Pazo da Cultura de Pontevedra co obxectivo de profundar en aspectos como as novas urxencias da Educación Física.
Especialistas de España, Colombia, México, Chile e Arxentina participan neste congreso integrado por 16 conferencias centradas nos ámbitos da educación física, a saúde, o deporte, o rendemento e a nutrición.
A urxencia de impulsar a educación física nos centros educativos centrou os discursos dos conferenciantes. Foi o caso do investigador da Universidade de Cantabria, Óliver Ramos, quen sinalou o sedentarismo como o factor con maior incidencia no sobrepeso dos menores.
Adaptar videoxogos como Fornite á educación física foi un dos temas estrela da primeira xornada, na que o profesor da Universidade da Coruña, Víctor Arufe, explicou como os alumnos, armados con pelotas de escuma, compiten por ser os últimos en ser eliminados.
Este venres tivo lugar a cerimonia inaugural do congreso na que participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, así como o vicerreitor do campus, Jorge Soto; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; o profesor da UDC e director xeral do congreso, Víctor Arufe; e o presidente do comité organizador e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte, José Luis García Soidán.