Sanxenxo terá un orzamento de 29 millóns de euros en 2020
Por Oskar Viéitez
O orzamento do Concello de Sanxenxo para 2020 ascende a 29 millóns de euros. Esta cifra non inclúe os 1,2 millóns de euros que recibe por parte do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, segundo trasladou o goberno municipal
O alcalde Telmo Martín destacou que o orzamento chega a tempo para a súa aprobación definitiva antes do 31 de decembro do ano anterior ao do exercicio en que deba aplicarse como esixe a Lei de Réxime Local.
En liñas xerais o orzamento contempla a conxelación da maioría dos impostos e taxas municipais "o que converte a Sanxenxo no concello da súa contorna coa fiscalidade máis baixa", sinalou Telmo Martín. Destaca especialmente o IBI, no 0,40 o mínimo legal, a redución da taxa de lixo un 4,17% e a conxelación do imposto de vehículos. Son os tres impostos que máis recadan e afectan a máis veciños.
O gasto do orzamento destina o 29,6% (8,6 millóns) á área de benestar común e medio ambiente. Só a recollida de lixo, o seu tratamento, o custo da depuración, o mantemento da depuradora e a rede de saneamento e o prezo da auga do Umia e o Lérez xa supera os 6 millóns de euros.
O 7,8% do gasto (2,26 millóns) dedícase ao turismo e o 16,3% a viais e actuacións urbanísticas (4,7 millóns) como melloras de rúas, espazos públicos e novos equipamentos. Para protección social destínanse 4,23 millóns, para cultura e educación irán 3 millóns, para seguridade cidadá 2,4 millóns e para deportes case un millón.
O 6,8% (1,97 millóns) corresponde ás actuacións de carácter xeral e económico, por exemplo, o custo de instalacións e persoal que non está adscrito a un servizo concreto, senón que intervén en todos os servizos e actuacións municipais. O 2,8% (800.000 euros) destínase á amortización da débeda que a finais de 2019 será de 2,5 millóns.
O goberno local convocou para este luns unha Xunta de Portavoces para entregar á oposición o borrador do orzamento. Ese mesmo día convocarase a comisión de Facenda para o día 14 e posteriormente está previsto celebrar unha segunda comisión o día 19, antes de levalo ao pleno o 25 de novembro.
Relacionadas:
-
Sanxenxo reduce a súa débeda en máis de dous millóns de euros no último ano e medio
Por Redacción |
-
Sanxenxo reparte 52.700 euros entre as comisións para organizar festas parroquiais
Por Redacción |
-
Os técnicos municipais traballan xa nos proxectos de investimentos para 2020
Por Redacción |
-
O orzamento de Sanxenxo contempla 3,1 millóns de euros para investir nunha ducia de proxectos
Por Oskar Viéitez |