CIG-Saúde alerta da privatización dalgúns servizos no Hospital Montecelo
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
CIG-Saúde denuncia que a xerencia da área sanitaria de Pontevedra pretende privatizar unha parte das funcións do persoal do servizo de hostalaría do Hospital Montecelo, "concretamente as tarefas relacionadas co aseo das camas do persoal de garda e a reposición da roupa de aseo".
A central sindical nacionalista explica que estas tarefas son realizadas actualmente "polo colectivo de pinches" e anuncia que levarán a cabo todas as accións que consideren oportunas na defensa dun servizo de hostalaría público.
Nun comunicado a CIG sinala que a estratexia da xerencia "pasa por adxudicalo en contrato a unha empresa privada", e din que así ven recollido no documento de prescricións técnicas para o próximo concurso de contratación do servizo de limpeza.
O servizo de hostalería do Hospital Montecelo leva máis de 20 anos co mesmo número de persoal "a pesar de que o aumento considerable de pacientes, de menús, e da variedade dos mesmos, incrementou de maneira importante a carga de traballo".
Dende CIG-Saúde critican que a dirección "prefire privatizar, incluso a costa de encarecer o custe do servizo, antes que contratar persoal propio" e conclúen dicindo que a calidade do servizo e a profesionalidade das traballadoras e traballadores "está por riba de calquera interese privatizador desta dirección".
RESPOSTA DO SERGAS
A Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra saiu ao paso deste anuncio da CIG asegurando que manterá no hospital Montecelo "o mesmo sistema de traballo que se efectúa no resto de hospitais do Servizo Galego de Saúde no que atinxe ás tarefas relativas ao aseo de camas do persoal de garda, así coma para as labores de reposición de roupa de aseo".
Nun comunicado remitido pola Xerencia sinalan a este respecto que o hospital Montecelo "era ata o de agora" o único centro hospitalario da rede Sanitaria Pública do Sergas no que as devanditas tarefas efectuábanse polo persoal de Hostalería do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Engade ademáis que foi este servizo quen trasladou no seu día á Dirección da Área Sanitaria de Pontevedra a súa petición de "replantexar esta planificación de actividade, alegando alta carga de traballo engadido ás súas habituais e múltiples funcións dentro do organigrama funcional deste hospital pontevedrés".
"Debido á dita solicitude dos propios profesionais e, tras un estudio das súas cargas de traballo, a Dirección decidiu reorganizar estas labores, únicamente para facer as camas do persoal médico de garda", afirma.
Deste xeito, a Dirección optou porque sexan efectivos da contrata de limpeza quen efectúe a partires de agora esta labor, incorporando así ao hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra aos mesmos procedementos de traballo que se efectúan a este respecto no resto de hospitais do Sergas.