Carme da Silva fai unha última chamada aos votantes "desencantados" coa política, para que "non se resignen" e voten ao BNG

Por Natalia Puga
A cabeza de lista do BNG por Pontevedra ao Congreso dos Deputados, Carme da Silva, e o secretario comarcal da forza política, Demetrio Gómez, fixeron este venres balance dunha campaña para as eleccións xerais do próximo domingo 10 se novembro na que a xente lles trasladou "ilusión" e móstranse optimistas coa posibilidade de recuperar representación nas Cortes.
Carme da Silva insiste en que o domingo hai "unha segunda oportunidade para que Galicia teña voz" no Congreso dos Deputados e pide aos votantes "desencantados" coas forzas políticas que non lograron conformar goberno tras as xerais do 28 de abril que "non se resignen" e voten ao BNG.
A candidata nacionalista lembrou que o BNG é unha forza que "só se debe aos intereses de Galicia" e que nesta campaña tiveron o apoio de forzas como Compromiso por Galicia e de persoas independentes e destacadas da sociedade galega que lles deron o apoio explícito.
Carme da Silva lembrou que estas eleccións celébranse pola "frivolidade e irresponsabilidade" das forzas políticas que "non foron quen de darlle resposta ás necesidades da sociedade" e non lograron conformar goberno tras os comicios de abril polos seus "intereses partidarios" e os seus "egos".
Ademais, sacou peito dos 20 anos de goberno do BNG no Concello de Pontevedra, pois considera que levan dúas décadas demostrando que son " unha forza política seria". "Ese mesmo BNG que converteu a Pontevedra nun referente internacional é o que concorre ás eleccións xerais", insistiu.
Carme da Silva non quixo entrar en enquisas, pero si lembrou que o pasado 28 de abril o BNG duplicou votos con respecto a 2016, que nas municipais e europeas de maio confirmouse unha tendencia á alza do partido e que se se reflectisen nestas xerais os resultados do votos que se lograron para o Senado e cos que houbo nas europeas "teríamos unha moi boa representación no Congreso".
Ademais, insistiu en que o BNG, como forza política "seria" e que " chega a acordos", estatría disposta a negociar para que tras as eleccións do domingo se poida conformar goberno. Os únicos requisitos que poñería serían cumprir cos intereses de Galicia en asuntos como, entre outros, a trasferencia da autoestrada AP-9 ou coa súa oposición ao feito de que Galicia teña a tarifa eléctrica máis cara cando é produtora de electricidade.
Demetrio Gómez quixo pedir que na xornada de reflexión "quen non teña decidido o voto, que lle dea unha voltiña e pense no que nos xogamos" se Galicia non está representada en Madrid", sostivo Demetrio Gómez, chamando á reflexión dos votantes sobre o feito do que podería supoñer unha nova lexislatura sen voz galega en Madrid.
O discurso de Demetrio Gómez é optimista, convencido de que "estamos nesa liña de que Galicia pode recuperar a súa voz en Madrid grazas ao BNG". Ese optimismo sácao dunha semana de campaña electoral que tivo multitude de actos en todos os concellos da comarca e que foi "cada vez máis intensa" e cada vez con " máis receptividade".
Ademais lembra que Galicia merécese ter representación en Madrid e non "outros catro anos de procesión dúas caladiños" en alusión a que nas últimas lexislaturas a representación galega chegaba por un grupo de deputados que nin falan no nome de Galicia e ás veces mesmo votan contra os nosos intereses" como sucedeu no último proxecto de orzamentos do PSOE e Podemos, que cualifica como os "peores da historia".
Relacionadas:
-
Tranquila xornada de reflexión para os políticos pontevedreses
Por Alejandro Espiño |
-
Os populares piden centrar o voto da dereita no PP para derrocar a Sánchez
Por Manu Otero |
-
Pontón pon a Pontevedra como exemplo da política do BNG contra a emerxencia climática
Por Alejandro Espiño |
-
O BNG promete unha senda litoral para unir San Salvador e A Barca se logra representación en Madrid
Por Redacción |
-
Ana Pontón e Carme da Silva invitan a concentrar no BNG todo o voto do país para defender Galicia en Madrid
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Carme da Silva anuncia en Poio que o BNG defenderá que Galicia teña status de nación pesqueira
Por Redacción |