O Concello e Boa Vida publican unha guía de axudas sociais
Por Redacción
A Concellería de Benestar Social vén de publicar unha guía de axudas e servizos sociais que facilita o acceso á información dun xeito personalizado.
A publicación, promovida pola asociación Boa Vida Inclusión Activa, conta con tres grandes bloques de axudas estatais, autonómicas e municipais. Ten presente ás entidades sen ánimo de lucro que traballan na cidade e será presentada e explicada a través de charlas informativas ante colectivos e grupos veciñais.
Tal e como sinala a concelleira Paloma Castro, ademais de para difundir información xenérica sobre a nova guía, as charlas tamén servirán para afondar nas temáticas que cada asociación veciñal solicite.
A avogada Maribel Álvarez e a traballadora social Viki Abadía darán a primeira das charlas este venres 8 de novembro, ás 19.30 horas, no local da asociación de veciños de San Roque e levará por título "Maiores no ámbito social e xurídico", centrándose en cuestións como o testamento vital, o envellecemento activo ou a violencia institucional.
A segunda das charlas, presentada pola propia Paloma Castro, celebrarase o día 25 de novembro na Casa das Campás, a partires das 17.30 horas, no marco das actividades organizadas con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.
Con tal motivo, a temática da charla será precisamente a violencia machista.