Anonymous volve á carga contra o PP de Pontevedra: converte a súa 'gaivota' nun voitre
Por Alejandro Espiño
A denuncia do Partido Popular ao colectivo Anonymous, que este martes publicaba en Internet as contas do PP entre 1990 e 2011, tivo resposta por parte dos ciberactivistas. E de novo, igual que no pasado mes de maio, o seu obxectivo foi a web do Partido Popular de Pontevedra. O portal foi hackeado por segunda vez en tres meses, aínda que esta vez dunha forma algo máis sutil.
O hackeo, que xa foi reivindicado a través de Twitter, céntrase nesta ocasión no apartado de 'Aviso legal' da páxina web popular, en clara referencia á denuncia dos populares pola filtración da súa contabilidade. Nel, Anonymous plantou un logotipo modificado do PP. Simulando ser unha bandeira do partido coa súa imaxe corporativa habitual, converte a 'gaviota' nun voitre e o seu azul identificativo en negro.
Ademais, Anonymous volveu a colocar o seu lema na páxina popular: "Somos Anonymous. Somos Lexión. Non perdoamos. Non esquecemos. ¡Esperádenos!", e acompáñano coas etiquetas #cuentasdelPP e #PPgoteras, utilizadas desde este martes en redes sociais como Facebook ou Twitter para comentar as últimas noticias relacionadas coa suposta contabilidade irregular do Partido Popular e as recentes declaracións realizadas por Luís Bárcenas a El Mundo.
O anterior ataque de Anonymous á web do Partido Popular de Pontevedra producíase o pasado 14 de maio. Os seus efectos eran visibles nada máis entrar en www.ppdepontevedra.com. A galería de imaxes que acompaña a fotografía do presidente local do partido, Telmo Martín, foi substituída pola figura dunha persoa que porta a máscara do protagonista da película V de Vendetta, e que se converteu nun dos emblemas máis recoñecidos da actualidade.
Se se facía click na imaxe, Internet nos redirixía a un video aloxado na plataforma YouTube que, baixo o nome #ESCRACHE - #Anonymous & @LA_PAH - Sí se puede!, no que acompañado por unha sucesión de imaxes se superpoñía o lema deste colectivo. Ademais, outra imaxe situada na parte esquerda da páxina reivindicaba o apoio de Anonymous a Stop Desahucios, advertindo que "as regras do xogo están a piques de cambiar".
Entón, o portavoz do PP de Pontevedra, Jacobo Moreira, aseguraba que se ían a adoptar medidas para evitar que o ciberataque volvese producirse e pedía "a quien esté detrás de Anonymous", que cesasen "por favor" neste tipo de accións e permitisen que a web seguise funcionando con total normalidade. Polo que se ve, moito caso non lle fixeron.