Once anos e medio de prisión para o veciño de Poio que intentou asasinar a súa muller a marteladas
Por Redacción
A Sección Cuarta de la Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a once anos e medio ao veciño de Poio, Jeremías Canda Rodríguez, por intentar asasinar a súa parella a marteladas, actuando con aleivosía ao atacala por sorpresa.
Condénaselle por asasinato en grao de tentativa coa concorrencia da circunstancia agravante de parentesco, segundo recolle o fallo que contempla a prohibición de comunicarse ou achegarse a menos de 300 metros da vítima, da súa vivenda, ou do seu lugar de traballo durante un período de 20 anos para o que será controlado a través de medidas telemáticas unha vez que o acusado saia de prisión.
Será controlado a través de medidas telemáticas unha vez que o acusado saia de prisión
O tribunal provincial asume as teses do fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, e da acusación particular, e considera probado que o 18 de abril de 2011 Jeremías intentou matar á súa parella sentimental propinándolle con "brutalidade" varias marteladas na cabeza mentres ela se encontraba de costas sen que ela tivese opción de defenderse.
Durante o xuízo a muller explicou entre bágoas e protexida por un biombo que non viu vir os golpes e que cando estaba no cuarto dunha das súas fillas facendo a cama "sentín un golpe moi grande" que a fixo perder a visión. A continuación sentiu un segundo golpe e cando puido abrir os ollos intentou liberarse do seu agresor e berrou para pedir auxilio ás súas fillas. Unha das xemelgas saíu da casa para pedir axuda e a outra suxeitou o seu pai para separalo da súa nai.
O Ministerio Público solicitaba unha condena de 15 anos de prisión que o tribunal non atendeu ao ter en conta que Jeremías era unha persoa sen antecedentes e que o asasinato foi en grao de tentativa. Pola contra desestima as eximentes presentadas pola defensa do acusado que alegaba que no momento dos feitos se encontraba baixo os efectos do consumo de fármacos e alcohol e mesmo que padecía unha enfermidade mental.
Dixo non recordar nada e asegurou que non era responsable dos seus actos cando o fixo
Jeremías durante o xuízo non negou que golpease a súa vítima cun martelo na cabeza, dixo non recordar nada e asegurou que non era responsable dos seus actos cando o fixo.
En canto á responsabilidade, a sentenza recolle que debe indemnizar a vítima con 7.000 euros polas lesións sufridas e con 15.000 euros polas secuelas que lle deixou aquela brutal agresión, como pode ser a perda dun 42% de audición nun dos seus oídos. Ademais, esta muller tivo que someterse a tratamento psiquiátrico como consecuencia daqueles feitos.