"Don Amable", o carriño solidario da asociación contra o cancro
Por Redacción
Este mércores foi presentado no Hospital Provincial o servizo de "Carriño Don Amable", unha iniciativa solidaria e gratuíta que será coordinada pola Asociación Española contra el Cáncer (AECC) en Pontevedra e atendida polo seu voluntariado en dependencias do servizo de Oncoloxía pontevedrés.
Deste xeito, de luns a venres en horario de 10.30 a 13 horas e os venres pola tarde de 16.30 a 18.30 horas, as persoas voluntarias percorrerán co "Carriño Don Amable" esta área do Hospital Provincial ofrecendo publicacións de lectura, bebidas e alimentos autorizados polo persoal asistencial no Hospital de Día Oncohematolóxico do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, favorecendo unha maior calidade de vida aos pacientes oncolóxicos e as súas familias.
Tamén informarán a doentes e familiares sobre os programas e servizos gratuítos da AECC, escoitándolles e ofrecendo axuda.
Este proxecto solidario de colaboración está presente en tres hospitais da provincia: no Hospital Provincial de Pontevedra, no Hospital do Meixoeiro e no hospital de Día do Álvaro Cunqueiro en Vigo, permitindo maior apoio ás persoas que loitan contra o cancro e aos seus máis achegados.