Cruz Vermella pide axuda para reformar o baño dunha familia con dificultades
Por Redacción
O espazo solidario "Agora + que nunca" de Cruz Vermella en Galicia solicitou a colaboración cidadá para axudar a unha familia en dificultades económicas de Pontevedra.
O obxectivo da axuda céntrase en realizar unha obra no único cuarto de baño da vivenda, por valor de 1.044 euros, para instalar un prato de ducha ante os problemas de mobilidade de tres dos cinco integrantes da familia, en situación recoñecida de dependencia.
Trátase dun matrimonio que vive coas súas dúas fillas e unha neta, sendo unha das fillas a que asumiu o papel de coidadora dos seus familiares, realizando gran parte das tarefas domésticas e imposibilitando a súa busca de traballo.
Segundo asegura Cruz Vermella a reforma melloraría a calidade de vida desta familia ao encontrase a nai en cadeira de rodas e non dispoñer dun baño libre de barreiras arquitectónicas.
As persoas interesadas en colaborar poden informarse e facer a súa achega a través da páxina www.agoramaisquenunca.org, unha axuda que se pretende basear na fórmula das microdoazóns.
A través do espazo solidario habilitado por Cruz Roja ademais pódese colaborar con outras causas facendo achegas económicas ou mediante a entrega de utensilios que poidan ser necesarios para outras persoas. Neste sentido algúns exemplos de necesidades na provincia de Pontevedra son: unha neveira para unha familia de Ponteareas, unha cadeira de paseo para un bebé de Vigo, un armario para unha familia da Estrada, un sofá para unha familia de Tomiño ou unha lavadora para unha familia de Pontevedra.