Rajoy, "muy contento" de volver a Pontevedra: "Da gusto venir a esta ciudad"
É raro que, en pleno período electoral, Mariano Rajoy non pasee por Pontevedra. É case unha tradición no PP pontevedrés e, este martes, volveuse repetir a estampa. O ex presidente do Goberno, retirado da primeira liña política desde a súa saída da Moncloa, asegurou estar "muy contento" de volver á súa cidade. "Da gusto venir", dixo.
Rajoy estivo acompañado no seu paseo, entre outros, polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, ou as candidatas do PP ao Congreso e ao Senado por Pontevedra, María Ramallo e Pilar Rojo.
Chegou á Praza de España, directamente desde o aeroporto, sobre as seis e media da tarde e desde que puxo un pé en Pontevedra foron numerosos os cidadáns -maioritariamente mulleres- os que o abordaron para saudalo afectuosamente. Con moitos deles, mesmo sacou varias fotografías.
"Pobre home, non o deixan nin pasear", comentaba unha muller á que lle sorprendeu o balbordo mediático ao redor de Rajoy durante o seu paso pola rúa Michelena, onde atendeu a uns excursionistas chegados de Zamora ou a unha muller que lle pediu que o PP "se acorde dos pensionistas e dos pobres".
Iso si, non todo foron afagos. Tamén houbo quen aproveitou o paso do ex presidente polas rúas de Pontevedra para reclamarlle que o PP devolvese "todo o que roubastes".
Mariano Rajoy, sempre flanqueado polo seu equipo de seguridade e dirixentes do PP, achegouse tamén á carpa que os populares tiñan instalada na Ferrería, onde o líder do PP de Pontevedra, Rafa Domínguez, o convidou a un paquete de castañas asadas.
"Me ha hecho rememorar viejos tiempos porque cuando yo estudiaba en Pontevedra en esta plaza ya había castañas", dixo o ex presidente que, con todo, engadiu que "tengo la sensación de que entonces hacía más frío que ahora".
Desde A Ferrería, Rajoy lembrou que viviu en Pontevedra "más de 40 años" e aínda que actualmente reside en Madrid "veño moi a miúdo". Mesmo coñecía, segundo el mesmo explicou, que o Pontevedra Club de Fútbol cambiara de adestrador e chegou a aventurar que este ano "vamos a subir a Segunda A".
Rajoy, antes de irse a Vigo onde ía protagonizar un mitin xunto a Núñez Feijóo, visitou tamén varios comercios, entre eles a zapatería Krack, e aproveitou para tomar un breve descanso e gozar dun café nunha das cafeterías máis coñecidas da cidade.
Relacionadas:
-
O PP saca peito do proxecto de Gran Montecelo nun encontro electoral con persoal sanitario
Por Redacción |
-
Ana Pastor non encabezará a lista do PP por Pontevedra para o 10N: será número 2 por Madrid
Por Redacción |
-
VIDEO: Felipe González e Mariano Rajoy reivindican na Toxa o "saber pactar"
Por Oskar Viéitez |