O BNG promete unha senda litoral para unir San Salvador e A Barca se logra representación en Madrid
Por Redacción
A finalización do paseo de Lourido ata a Ponte da Barca e a recuperación para uso público da illa de Tambo para a súa inclusión no parque nacional das Illas Atlánticas son as últimas esixencias que defenderá a candidata do BNG ao Congreso dos Deputados pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, se o seu partido logra representación despois dos comicios do próximo domingo.
A nacionalista lembrou que foi o seu partido o que logrou no 2009 incluír unha partida nos orzamentos de Costas para redactar o proxecto de construción dunha senda peonil entre A Barca e San Salvador, unha iniciativa que rematou esquecida nun caixón cando o Bloque perdeu representación en Madrid no 2015.
Da Silva foi tallante ao afirmar que "cando o BNG está en Madrid para tirar dos investimentos e das necesidades de Galiza, avanzan; e cando o BNG non está, non”. Por iso pediu a todos os veciños de Poio e da provincia que o próximo domingo metan no sobre a papeleta do BNG porque "sen maiorías absolutas nós imos utilizar a nosa representación no Congreso para esixir que os investimentos para Galiza sexan os axeitados”, remarcou.
A candidata nacionalista tamén se comprometeu a negociar unha localización alternativa para a subestación eléctrica de Bértola contra a que os veciños levan máis de dez anos loitando.
Despois de prometer apoio aos veciños unha vez que a vía xudicial queda esgotada, Da Silva criticou a postura de PSOE e PP e asegurou que só a presenza do BNG no Congreso é a única vía para que este tema volva estar na axenda política.
Relacionadas:
-
O BNG fai unha última chamada aos votantes "desencantados" coa política, para que "non se resignen"
Por Natalia Puga |
-
Ana Pontón e Carme da Silva invitan a concentrar no BNG todo o voto do país para defender Galicia en Madrid
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
Carme da Silva anuncia en Poio que o BNG defenderá que Galicia teña status de nación pesqueira
Por Redacción |
-
O BNG promete medidas no Congreso para "darlle a volta" aos tramos urbanos das N-550, N-640 ou N-541
Por Redacción |
-
O BNG promete impulsar a reforma do nó de bombeiros se volve ao Congreso
Por Redacción |