Pontevedra e Vilagarcía achéganse ás políticas de sustentabilidade de Matosinhos e Faro
Por Redacción
Os concellos de Vilagarcía e Pontevedra recibirán a cadansúa delegación dos municipios portugueses de Matosinhos e Faro, respectivamente, dentro dun proxecto para coñecer exemplos de boas prácticas no marco da Axenda 2030 fixada pola ONU.
Trátase de visitas enmarcadas no proxecto 'Intercambios Galicia-Portugal: os municipios a prol dos ODS', que ten como obxectivo promover a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible no eido local e se desenvolverá nun total de seis municipios de Galicia e Portugal: Ponteareas, Vilagarcía, Pontevedra, Guitiriz, As Pontes e Verín recibirán delegacións de Amadora, Matosinhos, Faro, Seixal, Maia e mais Loures e Palmela, respectivamente.
Os encontros organízaos o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia.
Os Intercambios Galicia-Portugal permitirán profundar nas catro fases para a localización dos ODS (sensibilización, adaptación, implementación e monitorización) e na súa integración nas políticas públicas locais. Como resultado dese proceso poderán establecerse as estratexias para que cada concello contribúa a facer realidade a Axenda 2030.
As xornadas de traballo xa comezaron este martes en Ponteareas e rematarán o 5 de decembro en Verín. O intercambio Vilagarcía-Matosinhos será os días 7 e o 8 de novembro e o Pontevedra-Faro, os días 19 e 20 deste mesmo mes.
En cada concello as actividades terán unha duración de dous días nos que se organizarán sesións dinamizadas por persoal especializado da ONGD lisboeta Instituto Marquês de Valle Flôr.