3.000 euros para que Amigos de Galicia reparta comida ás familias con menos recursos de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade e a Fundación Amigos de Galicia renovaron a súa colaboración para a atención alimentaria de familias do municipio con poucos recursos económicos, un acordo que permitiu atender unha vintena de familias nos dous últimos anos.
O alcalde, Jorge Cubela, e o director xeral da fundación, Jesús Busto, asinaron un convenio este martes en función do cal o Concello fará unha achega económica directa de 3.000 euros á entidade para que se encargue da adquisición de alimentos e dos traballos de reparto entre as familias necesitadas.
Ese reparto farase previa coordinación co departamento de Servizos Sociais e supón prestar un servizo que o Concello ten dificultades para acometer de xeito directo por cuestións de loxística, almacenamento e transporte.
Tras a sinatura do acordo, Cubela destacou o bo traballo de Amigos de Galicia para que os veciños de Cerdedo-Cotobade que teñen máis dificultades poidan ter cubertas as súas necesidades básicas no eido alimentario.