A rotura dunha tubaxe da rúa Echegaray provoca unha inundación no ambulatorio Virxe Peregrina
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha filtración de auga procedente da rúa Echegaray anegou temporalmente este martes espazos do soto do centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra.
Segundo a información facilitada polo Concello de Pontevedra, produciuse unha rotura dunha das tubaxes de fibrocemento desta rúa que provocou unha filtración de auga que entrou ao centro a través dunha condución de Gas Natural Fenosa.
A rotura produciuse sobre as tres e media da madrugada deste martes e, segundo fontes municipais, todo quedou resolvido sobre as 9.30 horas da mañá. Respecto diso, fontes sanitarias indicaron que todo se solucionou sen chegar a afectar o servizo prestado no centro de saúde, que se desenvolveu con normalidade durante toda a mañá.
Segundo a información facilitada pola área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a inundación só afectou o soto, unha zona non asistencial que alberga áreas de uso interno do persoal sanitario como vestiarios e tamén almacéns de material funxible de oficina e mobiliario, espazo de arquivo, cadros de subministración eléctrica e informático.
Esta área estivo sinalizada con cartelería específica para evitar incidentes e delimitouse para impedir o acceso durante o tempo que durou o anegamento.
Desta maneira, non se viu afectado ningún espazo asistencial e a prestación asistencial de Atención Primaria aténdese con normalidade.
A raíz do incidente, desprazáronse ata o centro de saúde operarios de rehabilitación de estruturas, coa coordinación de técnicos de Mantemento da área sanitaria e solucionaron o problema.
Segundo a información facilitada polo Concello, a rotura non tivo ningunha relación coas obras de reforma que se están realizando na rúa Echegaray. A actuación nesta rúa inclúe o cambio das vellas tuerías de fibrocemento da rúa e este martes aínda quedan por cambiar entre 50 e 60 metros na zona que está pegada ao Virxe Peregrina. Unha desas tubaxes foi a que rompeu, pero non polas obras, senón por un aumento de presión de auga.
Como consecuencia dunha incidencia rexistrada nos últimos días a rede de subministración de auga na zona de Corbaceiras e das obras que se están realizando na contorna da ponte do Burgo, o abastecemento de auga está a realizarse por outros circuítos e un deles son estas tubaxes de Echegaray. Para poder abastecer de auga á zona afectada, foi necesario aumentar a presión de auga e esta madrugada unha das tubaxes rompeu.