Un mes de podas nas árbores de todo Marín
Por Redacción
O Concello de Marín está a realizar podas das árbores de diversas zonas do municipio. As actuacións empezaron a semana pasada e estenderanse ao longo das próximas semanas.
Os traballos faranse por fases durante o vindeiro mes, sempre tendo en conta as condicións climatolóxicas para garantir a seguridade dos traballadores.
As primeiras árbores podadas son as do vial de Portocelo, onde se actuou sobre os plataneiros, os carballos americanos e os arces. As concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña, desprazáronse ata o lugar para supervisar o avance dos traballos.
Outras zonas públicas nas que se podarán as árbores son a Alameda Rosalía de Castro, incluíndo a zona do parque infantil; barriadas como A Cañota, San Pedro ou Banda do Río, a urbanización de Virxe do Camiño e a rúa Jaime Janer, o Parque Eguren, as rúas de Ezequiel Massoni, Doutor Touriño e a Rotonda das Anclas, a Finca de Briz ou os centros educativos de Ardán e de Viñas Brancas, entre outras.
Tamén se realizarán podas en diversos puntos do rural como Mogor, Sete Espadas, Resille, Igrexario ou O Campo.