Carme da Silva anuncia en Poio que o BNG defenderá que Galicia teña status de nación pesqueira
Por Redacción
Carme da Silva, candidata do BNG ao Congreso dos Deputados para as eleccións do 10 de novembro, mantiña un encontro este sábado con representantes da pesca tradicional e mariñeiros do xeito en Combarro.
A candidata nacionalista explicou que o sector pesqueiro é estratéxico e fundamental para o país e reivindicou a necesidade de que Galicia tome decisións para defender os seus intereses en Madrid en lugar de aceptar as decisións lesivas que ata o de agora o PP e o PSOE asumiron "sen rechistar".
Por este motivo, Da Silva lembrou que é precisa unha voz galega que apoie ao sector pesqueiro ante o abandono das forzas estatais. Neste sentido, explicaba aos asistentes que en Madrid a pesca non é un sector estratéxico e por iso non defenden os intereses dos traballadores do mar.
Pediu o voto para o BNG afirmando que a formación dará a cara polos intereses dos mariñeiros á hora de negociar orzamentos, investimentos e cotas de pesca fronte a outras formacións políticas.
Sinalou tamén que nun Congreso sen maiorías absolutas, o Bloque defenderá para Galicia o status de zona altamente dependente da pesca ante a Unión Europea para obter máis fondos e máis cota de pesca para a frota galega.
Neste sentido, Carme da Silva incidiu en que é preciso apoiar o xeito e á pesca artesanal para esixir que se exclúan as cotas europeas. Considera moi daniña para as embarcacións do cerco e do xeito con base en Combarro e Raxó, entre outras localidades pesqueiras de Galicia, a última decisión adoptada en Bruxelas para reducir a cota de capturas da sardiña.
Culpou desta situación ao Goberno español ao entender que non lle importan os problemas da xente do mar e por iso, insistiu, na necesidade de que haxa voces galegas en Madrid que aposten por Galicia.
Lembrou que o BNG deu a cara pola frota galega con iniciativas no Parlamento Galego, no Congreso e, a través de Ana Miranda, no Parlamento Europeo, ademais de mobilizándose na rúa para denunciar as inxustizas cometidas con este sector económico prioritario para Galicia.
Relacionadas:
-
A frota artesanal da ría de Pontevedra clama contra o cambio de regulamento que impón a UE
Por Redacción |
-
O BNG fai unha última chamada aos votantes "desencantados" coa política, para que "non se resignen"
Por Natalia Puga |
-
O BNG promete unha senda litoral para unir San Salvador e A Barca se logra representación en Madrid
Por Redacción |
-
Ana Pontón e Carme da Silva invitan a concentrar no BNG todo o voto do país para defender Galicia en Madrid
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |