Anuncian a renovación da Estación de Bombeo de Augas Residuais da Goleta para evitar o impacto ambiental en Aguete
Por Redacción
O Concello de Marín ten previsto poñer en marcha un proxecto de renovación da Estación de Bombeo de Augas Residuais (EBAR) da Goleta, unha infraestrutura situada na parroquia de Seixo, nas proximidades á praia de Aguete.
Segundo recoñece o goberno local, en abril de 2018 detectábanse problemas no funcionamento desta estación. As choivas que foron moi intensas provocaron un aumento excesivo do caudal que pasa por estas bombas da estación. Este incremento provocaba alivios que, a través dun colector de formigón, chegaban ata a praia marinense.
O goberno de María Ramallo recoñece que o impacto ambiental era importante ao tratarse dunha rede unitaria na que conflúen augas pluviais con fecais. Para evitar que se repita esta situación, está prevista a instalación dun novo colector que corrixa a saída do actual e mellorar así a funcionalidade.
Ademais vai dotarse á estación de dous depósitos de retención de sólidos, que se implantarán na entrada dos colectores. Terán como principal función filtrar as augas antes do seu acceso á rede. Tamén se ampliará a caseta do cadro de protección e mando.
Instalaranse novas bombas substituíndo as actuais. O cambio provocará un incremento do 70% do caudal de impulsión. Tamén se dotará ás instalacións dun novo cadro eléctrico atendendo aos criterios de eficiencia enerxética.
A obra terá un prazo de execución de tres meses cun orzamento de 161.873 euros.