Tras a presenza de Amelie este sábado chegará outra borrasca ás Rías Baixas que deixará inestabilidade para toda a semana
Por Redacción
Galicia atópase baixo os efectos da borrasca Amelie situada sobre Irlanda e durante a noite agárdase que aumenten as choivas sendo intensas nas Rías Baixas. As temperaturas experimentarán un acusado descenso para situarse entre as 15 e os 18 graos. O vento soprará forte do suroeste. A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) decretou alerta laranxa para o noroeste da provincia da Coruña e a Mariña lucense, agárdase que os ventos cheguen aos 100 km/h.
Durante o domingo, as Rías Baixas permanecerán nunha zona de chuvascos intermitentes. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso para situarse entre os 13 e os 17 graos. Os ventos seguirán soprando do suroeste, fortes no litoral, segundo a información facilitada polo servizo de Meteogalicia.
Galicia volverá estar afectada durante a xornada do luns pola presenza dunha profunda borrasca situada sobre Inglaterra. Os ceos mostraranse moi nubrados, con precipitacións xeneralizadas localmente intensas. As temperaturas situaranse entre os 12 e os 16 graos con ventos que soprarán fortes de compoñente oeste.
As baixas presións desprazaranse durante o martes cara ao continente europeo pero manterase a inestabilidade en Galicia. Os ceos continuarán moi nubrados con choivas intermitentes. Ocasionalmente produciranse choivas de forte intensidade e con saraiba. As temperaturas manteranse entre os 11 e os 15 graos, con ventos de noroeste, moderados, pero con intervalos fortes no litoral e en zonas altas do interior.
A partir do mércores, Meteogalicia prevé un tempo algo máis tranquilo sen descartar chuvascos ocasionais, sobre todo durante as xornadas do xoves e da fin de semana. As temperaturas seguirán sendo as propias desta época do ano, situándose entre os 89 e os 14 graos.