Accidente en Avenida da Porteliña provocado por un condutor novel que deu positivo na proba de alcoholemia
Por Redacción
Dous vehículos impactaban de maneira frontal pasadas as 12.15 horas deste sábado 2 de novembro. O accidente rexistrábase na avenida da Porteliña, no municipio de Poio.
Segundo testemuñas presenciais, os ocupantes dos turismos non sufriron feridas de gravidade. Segundo relata a Policía Local de Poio, o accidente producíase cando un dos condutores implicados saíase do carril impactando contra dous vehículos estacionados e despois foi a colidir frontalmente con outro vehículo que circulaba en sentido contrario.
Ao condutor que provocou o accidente se lle realizaron as probas de alcoholemia con resultado de 0,77 e 0,73 mg/l de alcohol en aire expirado. Este condutor, veciño de Poio, é novel ao contar con menos dun ano de vixencia do permiso de conducir.
Os axentes procederon a súa investigación como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria para que sexa citado para a celebración dun xuízo rápido. A Policía Local de Poio en colaboración coa Garda Civil do posto de Pontevedra desviaron o tráfico para evitar as retencións en ámbolos sentidos da PO-308.
É o segundo accidente que se produce na PO-308 nas últimas 24 horas, xa que na tarde deste venres tamén se rexistraba outro accidente de tráfico entre dous turismos noutro dos puntos de alta sinistralidade desta estrada. O accidente sucedía á altura de Combarro no cruzamento entre a estrada autonómica e a Rúa Francisco Regalado. Non houbo feridos, segundo fontes da Policía Local.
Ante as previsións de condicións meteorolóxicas adversas ao longo das vindeiras horas, desde os servizos de Emerxencias recomendan manter a máxima precaución nas estradas.