Catro feridos en dous accidentes case simultáneos en Cuntis
Por Redacción
Dous accidentes case simultáneos rexistrados en dous puntos diferentes da estrada N-640 no concello de Cuntis deixaron na tarde deste venres catro feridos, dous en cada un deles.
O 112 Galicia tivo constancia do primeiro accidente sobre as 17.15 horas. Foi alertado dun choque entre dous turismos que circulaban á altura do punto quilométrico 214, pola N-640, en O Piñeiro, na coñecida como recta da Anllada.
O alertante que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda indicaba que o accidente se debeu a un adiantamento e que un dos vehículos estaba envorcado. Aseguraba que non había persoas atrapadas.
Os xestores do 112 alertaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e tamén mobilizaron á Garda Civil de Tráfico, aos membros do GES da Estrada e aos efectivos de Protección Civil de Cuntis e de Portas.
Os servizos sanitarios confirmaron que dúas persoas resultaron feridas, aínda que non parecían revestir gravidade.
O segundo accidente ocorreu pasadas as 17.30 horas, na mesma estrada, na N- 640, no punto quilométrico 210, á altura de Portela, na zona das coñecidas como curvas de Castroloureiro.
Neste caso, tratouse dun turismo que chocou contra unha árbore ao saírse da vía. O particular que alertou ao 112 Galicia asegurou que non había persoas atrapadas e que o turismo tampouco entorpecía a circulación.
Ata o lugar desprazáronse os servizos sanitarios, os axentes de Tráfico, os membros do GES da Estrada e os efectivos de Protección Civil de Cuntis. Houbo outros dous feridos, un deles trasladado en ambulancia.
Relacionadas:
-
Rescatan un condutor atrapado nun coche accidentado en Cuntis
Por Oskar Viéitez |
-
Dá positivo tras bater co seu coche contra un muro en Cuntis
Por Redacción |
-
Maica Larriba impulsa as propostas de mellora na N-640 ao seu paso por Cuntis
Por Redacción |
-
Tráfico pretende rebaixar á metade o número de vítimas mortais nas estradas provinciais, que en 2019 xa ascende a 22
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Falece unha muller de 39 anos nun accidente de tráfico en Ponte Caldelas
Por Redacción |