Pontevedra licita o novo contrato de limpeza de dependencias municipales e instalaciones deportivas
Por Alejandro Espiño
Pontevedra dá o primeiro paso para renovar todos os contratos relacionados coa limpeza da cidade e a recollida de lixo. Farao, a partir da próxima semana, coa licitación do contrato para a limpeza de dependencias municipais e instalacións deportivas.
Seguindo criterios técnicos, este contrato sairá a licitación en dous lotes, segundo confirman fontes municipais. As empresas interesadas poderán poxar por un ou polos dous.
Por unha banda, o Concello destinará uns 485.000 euros ao ano á limpeza de máis de medio centenar de dependencias de titularidade municipal. Son, entre outras, o edificio de Michelena 30, a casa do concello, o chalé de Fontoira, a Casa da Luz, a Casa Azul, Churruchaos, a futura sede en Ferreiros ou todos os centros sociais dos barrios e do rural.
O segundo lote, cifrado nuns 270.000 euros anuais, será o destinado á limpeza de recintos deportivos. Xunto cos pequenos pavillóns repartidos polo municipio, o groso deste contrato será o Pavillón Municipal e o Multiusos da Xunqueira.
Actualmente a limpeza de todas estas instalacións, que se foron incorporando ao patrimonio municipal nas últimas dúas décadas, está en mans das empresas Ferrovial Servizos, Cespa ou Eurobrick.
Os traballadores de todas elas serán subrogados polas empresas que se adxudiquen os novos contratos, segundo ordena a lexislación vixente nesta materia.
A intención do Concello é que, tras o proceso de licitación e a correspondente tramitación administrativa, a empresa ou empresas que se fagan cargo deste contrato estean a traballar xa durante o primeiro semestre de 2020.
Mentres tanto, os técnicos municipais seguen traballando nos pregos que rexerán o contrato de limpeza viaria e recollida de lixo que, ademais, incorporará a xestión de todo o sistema de compostaxe.
O Concello espera recibir nas próximas semanas o informe xurídico encargado para estudar a viabilidade de licitar tamén este contrato por lotes, debido ao seu gran volume. Por agora, non hai unha decisión en firme sobre se se licitará todo xunto ou, por exemplo, a limpeza dos espazos públicos irá por unha banda e a recollida de residuos por outro.
Relacionadas:
-
A empresa que limpe as dependencias municipais terá que contratar máis traballadores
Por Alejandro Espiño |
-
O novo contrato do lixo oscilará entre os 11 e os 13 millóns de euros anuais
Por Alejandro Espiño |
-
Abren un proceso de consulta cidadá para deseñar o novo servizo de recollida de lixo
Por Alejandro Espiño |