Os vendedores do mercadiño de Todos os Santos queren unha carpa
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Fiel á tradición, a praza da Ferrería acolle con ledicia este venres e sábado o tradicional mercadillo de flores de Todos os Santos. Nesta ocasión foron 43 os postos de venda que se instalaron.
Os vendedores comentaron que este ano houbo moito movemento de público desde primeiras horas da mañá, aínda que a choiva desluciu a xornada vespertina.
Unha das cultivadoras máis veteranas, Digna, reclamou a instalación dunha carpa que ampare da choiva, "como teñen en Vilagarcía que a puxo o Concello", dixo.
Os compradores divídense entre quen quere centros e os que optan por comprar flor solta. En ambos os casos, como sempre, o gran protagonista é o crisantemo, tipo spider, pompón ou boris.
En canto aos prezos son similares aos do ano pasado, como media un centro de flor sae nuns 15 euros, sendo os máis caros os de 20. En canto á flor solta podíase comprar desde 80 céntimos e ata 3 euros pedía por un ramo de margaridas.
Os vendedores advirten que "pouco aforro supón facer un mesmo o centro", todo un reto se uno non ten maña e que non compensa polos dous euros que significa a diferenza.
A clientela do mercadillo valorou a gran variedade de cores destacando a presenza das rosas xunto a novas incorporacións como as orquídeas, hibiscos ou peonías.
Este sábado volverán repoñerse os postos con máis xénero.