Gallaecia, o primeiro grupo de funerarias de Galicia
Este xoves, 31 de outubro, presentouse Gallaecia - Grupo Funerarias Galegas, un novo proxecto iniciado por varias empresas galegas do sector cunha longa experiencia profesional e presenza nas catro provincias de Galicia.
Co obxectivo de ofrecer un mellor servizo, de maior calidade e máis personalizado, Gallaecia nace da aposta de cinco empresas funerarias de Galicia: Funeraria Apóstol en Santiago de Compostela, Funeraria San Marcos en Pontevedra; Funeraria La Paz en Ourense; Funeraria Santa Marta en A Coruña; e Funeraria Madeira en Lugo.
Empresas líderes en cada unha das súas áreas xeográficas que dende agora unirán esforzos, non só dende o punto de vista loxístico, senón tamén no ámbito xurídico, sumando o seu traballo de cara a ofrecer aos seus clientes un servizo personalizado acorde as súas demandas.
"Empresas galegas para servir aos galegos"
Todas as empresas que forman parte deste proxecto, Gallaecia, teñen como denominador común a súa implicación na nosa comunidade autónoma, pois todas elas manteñen a súa sede social en Galicia.
Unha característica que lles permite coñecer cada recuncho da súa área de influencia, as necesidades e peculiaridades dos seus veciños podendo así ofrecer servizos funerarios máis acordes ás demandas reais dos galegos. Gallaecia, permitirá achegar os servizos funerarios a todos os lugares da nosa xeografía, traballando de xeito coordinado para ofrecer maiores vantaxes e comodidades.
Gallaecia - Grupo Funerarias Galegas estará presente nas catro provincias galegas e o centro de mando quedará ubicado na capital de Galicia, Santiago de Compostela.
O seu ámbito de traballo será toda a comunidade autónoma contando con servizos de tanatorio, salas de velacións e crematorios ao longo das catro provincias galegas. Así como prestando servicios de floristería e aportando unha ampla flota de vehículos.