Ponte Caldelas inicia unha campaña de concienciación ante o "preocupante" descenso da reciclaxe
Por Redacción
Os estudos detectan que nos últimos catro anos produciuse en Ponte Caldelas un descenso na adecuada separación dos residuos para a súa reciclaxe, o que supón un menor aforro para as arcas municipais no custo do servizo de lixos. Por iso, o concello porá en marcha unha campaña de sensibilización para concienciar á cidadanía da necesidade de aumentar e mellorar a recolleita selectiva en todas os lugares do municipio.
Urbaser, empresa concesionaria do servizo de lixos, detectou en ditos estudos que, nese período, en Ponte Caldelas descendeu un 20% a recollida de vídrio, un 22% a de envases e un 39% a de papel.
Esta disminución de aportes de material debidamente clasificado para a súa reciclaxe provocou, segundo o Concello, "unha disminución na mesma proporción de aforro por este concepto para as arcas municipais co que o custo do servizo de recollida de lixos no concello de Ponte Caldelas non se beneficiou do desconto previsto por este concepto, facendo así, o servizo máis deficitario desde o punto de vista económico".
Pese a iso, o Concello de Ponte Caldelas recorda que mantén conxelado desde hai máis de dous anos o importe do recibo que se lle cobra aos cidadáns, "sendo este un dos máis baratos dos municipios da súa contorna" e o servizo de lixos un dos que máis frecuencias de recollidas realiza tanto na vila como no rural pontecaldelano, todos os días e tres veces á semana, respectivamente.
Incluirase nesta campaña de información cidadá unha serie de paneis explicativos en cada unha das illas de reciclaxe instaladas en zonas rurais e urbanas para explicar como se debe facer unha adecuada recollida selectiva dos nosos residuos. Ao mesmo tempo, repartiranse dípticos divulgativos nos centros escolares e establecementos comerciais de todo o municipio e levaranse a cabo campañas de buzoneo co fin de que toda a poboación tome conciencia da importancia medioambiental e económica que supón para o Concello de Ponte Caldelas a recollida selectiva.
Tamén se procederá á instalación de distintivos co Código QR nos puntos de recollida selectiva co fin de que o cidadán poida descargarse no seu smartphone, tablet ou ordenador a información necesaria para facer unha recollida selectiva adecuada. Ademais, na páxina web do Concello figurará tamén referencia e profusa información acerca desta campaña e da súa correcta aplicación por parte dos cidadáns.