Poio ofrece un programa formativo para cen persoas con dificultades de inserción laboral
Por Redacción
A Xunta de Galicia concedeu ao Concello de Poio unha axuda de 176.000 euros para desenvolver un novo Programa Integrado de Emprego no 2019-2020.
Tras os bos resultados obtidos na anterior edición, o Concello volve a apostar polos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral (persoas perceptoras de RISGA, menores de 30 anos con baixa cualificación, mulleres vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con cualificación, persoas maiores de 45 anos e persoas con discapacidade).
O programa busca mellorar a empregabilidade destas persoas, 100 en total, para que consigan un posto de traballo. Para elo levará a cabo, ao longo dun ano, accións de orientación laboral, motivación e coaching, organizará obradoiros en novas tecnoloxías, idiomas e mobilidade laboral e impartirá formación para o emprego.
En relación ás accións formativas, unha mellora comparativa coa edición anterior está en que este ano impartirán formación acreditada con certificado de profesionalidade baseado nas actividades con maior demanda de traballadores na nosa zona xeográfica. Esta formación será para a limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, axudante de camareiro e caixeiro/repoñedor.
Tamén é moi importante a labor de intermediación laboral que levará a cabo o programa. Refírese a que manterán un contacto permanente coas empresas asentadas no concello para coñecer as súas necesidades de persoal e poder enviarlles como candidatas ás persoas que participan no Programa, pois o concello de Poio comprométese a acadar unha inserción superior ao 40 % das persoas participantes.
O Concello de Poio comprométese a acadar unha inserción superior ao 40 % das persoas participantes
Ademáis diso establécese unha axuda diaria de desprazamento para os participantes de 5 euros ao día de asistencia ás accións do programa, e tamén se observan axudas para custos da conciliación da vida laboral e familiar como gastos de gardería e coidadores, tamén para as asistencias ás accións do programa.
A selección destas persoas para entrar a formar parte do proxecto terá lugar o día 15 de novembro no Centro Cultural Xaime Illa, en Raxó, de 10:00 a 12:00 horas. A forma de acceder será a través de citación do Servizo Público de Emprego ou, directamente, presentándose no lugar, o día e data sinalados, todas aquelas persoas que estean interesadas e que cumpran as características de algún dos colectivos beneficiarios.