Un bombeiro, ferido grave nun accidente laboral no propio parque
Por Natalia Puga
Un bombeiro do parque municipal de Pontevedra resultou ferido grave nun accidente laboral rexistrado este mércores nas propias instalacións do servizo de extinción de incendios, en Domingo Fontán. A Policía Nacional está a investigar as circunstancias do sinistro, que consistiu nunha caída desde unha altura duns seis metros
O sinistro produciuse pasada a unha da tarde no interior das instalacións e, como consecuencia das feridas sufridas, o traballador -natural de Vigo e de 45 anos- tivo que ser atendido polos servizos sanitarios. Unha ambulancia do 061 prestoulle unha primeira atención no parque e máis tarde foi trasladado a Montecelo e a continuación derivado ao hospital vigués de Povisa.
Segundo as primeiras informacións facilitadas polos investigadores, o bombeiro realizara unha serie de exercicios de prácticas dos habituais que realiza o persoal do parque e, cando xa estaba a recoller, precipitouse desde unha altura duns seis metros.
Fontes policiais confirmaron que o bombeiro tiña postos o arnés e o casco protector, pois os utilizaba para os exercicios e aínda os levaba postos. Como consecuencia da caída, con todo, resultou igualmente ferido de gravidade.
Como consecuencia do accidente, foron alertados os servizos de emerxencia e as forzas de seguridade. Como sucede en todos os accidentes laborais, a Policía Nacional de Pontevedra abriu unha investigación para aclarar o sucedido.
Axentes da Brigada de Policía Científica desprazáronse ata o parque para realizar unha inspección ocular do lugar do accidente e tamén se implicaron na investigación a Policía Xudicial e o departamento de prevención de riscos laborais da Comisaría de Pontevedra.