Moraña apúntase a "Xuntos polo Nadal" para que os seus maiores non estean sos no Nadal
Por Redacción
Que os maiores de 60 anos que viven sos teñan alguén co que pasar as festas de Nadal. É o obxectivo do programa que puxo en marcha o Concello de Moraña, en colaboración coa Consellería de Política Social. Trátase da iniciativa autonómica Xuntos polo Nadal.
Esta iniciativa está orientada a persoas maiores de 60 anos que vivan soas no seu domicilio e non teñan con quen gozar do Nadal e que se valgan por si mesmas, non padezan enfermidades con risco de contaxio nin trastornos mentais ou condutas que poidan alterar a convivencia.
As persoas participantes que teñan uns ingresos inferiores ao Iprem (537,84 euros mensuais) asistirán de forma gratuíta a toda esta experiencia, mentres que o resto contribuirán ao pagamento da estadía coa achega de 50 euros.
Os gastos de desprazamento, dende os respectivos domicilios ata o lugar de saída, serán por conta do participante.
O programa, que se desenvolverá entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro para cubrir todo o Nadal, ten aberto o seu prazo de solicitude, que poderá formalizarse nas oficinas municipais de servizos sociais ata o vindeiro 15 de novembro os luns, martes e xoves de 9.00 a 13.00 horas.