Familiares de represaliados reclaman a Feijóo que prohiba o Samaín de San Simón
Por Redacción
A illa de San Simón, un espazo de "tortura" para moitos galegos, non pode acoller unha festa de Samaín porque resulta unha "indecente e insultante banalización do mal". Foi a petición que familiares de represaliados e colectivos da memoria fixeron este martes no porto de San Adrián de Cobres (Vilaboa) fixeron para que o presidente da Xunta impida esta actividade.
No acto leuse a carta que José Mejuto, fusilado polos franquistas, escribiu á súa familia desde o cárcere de San Simón. "Cuando seáis mayores y hagáis una visita a esta isla, no como yo la he hecho, a la fuerza y con las manos atadas, sino en plena libertad, recordad que allí ha estado vuestro padre. Que cada rincón de la isla es un recuerdo mío", relataba un dos fragmentos.
Os asistentes deixaron patente o seu "total rexeitamento" a unha celebración que "profana" un espazo simbólico da memoria democrática, dun lugar que supuxo "sufrimento, dor e terror" e que agora é utilizado como escenario para unha "frívola festa de disfraces" que se publicita, "nunha sorte de mofa", como unha "experiencia divertida de medo e terror".
Considera o colectivo que a illa, calificada como BIC, foi convertida nos últimos tempos nun "parque de atraccións" explotado por empresas privadas para facer negocio e un espazo no que ten cabida todo tipo de actividades menos, xustamente, as de memoria histórica.
Para insistir na esixencia de que se respecte aos seus antepasados, no acto tamén interveu Carlos Casal, que tivo presos alí o seu avó, José Casal, e o seu tío Belarmino Casal. Ademais a súa avoa Casilda foi rapada. Desde o peirao, coa illa ao fondo, sinalou a casa familiar desde a que a súa avoa e o seu pai, menor de idade entón, vían o lugar onde os tiñan retidos.
Explicou que o seu avó morreu cando el tiña 22 anos "e xamais o vin sorrir" porque o trauma que lle causou a represión "foi total". Por iso, para el que se organice na illa un acto como o Samaín é mostra da "escasa calidade democrática" do noso país.
Tamén Enriqueta Otero fixo unha lembranza do seu pai, Eduardo Otero Molas, e doutros veciños de Marín que estiveron presos no Lazareto. Entre eles o alcalde, Antonio Blanco, que foi fusilado o 31 de decembro de 1936.
Esixiu "respecto" para todos aqueles que "deixaron na illa o mellor da súa vida" e para ese lugar desde onde, lembrou, partían moitos presos a "viaxes sen retorno mentres os compañeiros esperaban a súa quenda coa angustia das familias (...) os que foron quedando non esqueceron nunca aos compañeiros".
Os colectivos anunciaron que, máis alá do que ocorra o xoves, seguirán traballando para conseguir a denominación de San Simón como Illa da Memoria e unha programación de carácter público centrada na memoria histórica democrática, cun plan de usos do espazo que evite actividades que sexan ofensivas para as vítimas do franquismo e as súas familias.