Concentración para reclamar pensións públicas, dignas e garantidas
Por Cristina Saiz & Redacción
O colectivo de pensionistas e xubilados do sindicato CIG concentrouse este martes na praza da Peregrina para reivindicar unhas pensións públicas, dignas e con garantías.
Este grupo denuncia que as pensións galegas son as segundas máis baixas dentro do todo o Estado e que o colectivo de mulleres é o que se ve máis prexudicado. Indican que hai pensionistas en Galicia que cobran menos de 415,43 euros ao mes.
Reclaman a fixación por lei da pensión mínima igual ao soldo mínimo interprofesional e á súa revalorización co IPC.
Ademais, durante a concentración pediron a derrogación das reformas dos anos 2011 e 2013 para garantir as pensións do futuro. Tamén, desde o sindicato nacionalista, alertan da necesidade de emprego estable e digno, que garanta a viabilidade das pensións.
A Policía Nacional interviña durante o acto porque unha persoa quixo boicotealo interrompendo repetidamente a lectura do manifesto, unha acción que ocasionou malestar entre os asistentes. Os axentes pedíronlle a documentación sen que se rexistraran máis incidencias.