Dificultades técnicas adían a instalación do colector na Avenida de Ourense
Por Oskar Viéitez
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os concelleiros Manuel Santos e Marián Sanmartín reuníronse este martes con membros da empresa Copcisa, que se está encargando de levar a cabo a obra de renovación do colector da Avenida de Ourense, co fin de avaliar o estado dos traballos.
Segundo indicaron desde Copcisa, a data de finalización dos traballos, que estaba fixada para finais deste ano, terá que pospoñerse ao primeiro trimestre de 2020, debido a unha serie de "dificultades técnicas" que foron aparecendo no desenvolvemento da obra, que está aplicando solucións de enxeñería pioneiras para poder sacar adiante a nova infraestrutura de saneamento.
A empresa indicoulle á rexedora que as tarefas de canalización están xa rematadas e que se está a traballar "intensamente" no proceso de bombeo e na estrutura do tanque, que servirá como depósito de retención. Copcisa calcula que este elemento está no 40% do seu proceso construtivo.
ESTRADA RURAL DE MIMÁNS
Por outra parte, os concelleiros Pablo Novás e Manuel Domingos visitaron este martes as obras de mellora e mantemento da estrada rural de Mimáns, que une os núcleos de Ameal e Ruanova, na parroquia do Campo, unha actuación que ten como finalidade o coidado das infraestruturas de comunicación no rural, un dos eixos sobre os que traballo intensamente a Concellaría de Medio Rural.
Novas afirmou que os traballos "avanzan a bo ritmo" e espera que en tres semanas "poidamos ter xa rematado este vial, que é moi frecuentado pola veciñanza".
A obra está sendo executada pola empresa Fechi SL, gañadora do concurso público que se habilitou para licitar os traballos. O custe global da mesma é de 34.707,83 euros, dos cales o 80% serán financiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, con cargo ao seu plan de mellora de camiños municipais 2019-2020. O resto da contía será aportado polos fondos propios do Concello.
Relacionadas:
-
15 empresas optan ás obras de humanización da Avenida de Ourense
Por Redacción |
-
Marín restrinxirá o tráfico en Concepción Arenal e Avenida de Ourense polas obras
Por Redacción |
-
O Concello de Marín mellora a estación de bombeo de Aguete
Por Redacción |
-
As obras da Avenida de Ourense afrontan os traballos de "humanización"
Por Redacción |
-
O Concello de Marín mételle présa ás obras da Avenida de Ourense
Por Oskar Viéitez |