Rematan as obras na estrada provincial que vai de Portela a Ermelo
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras para a renovación do firme e o acondicionamento da EP 1306 de Portela-Ermelo, en Bueu.
Esta actuación foi adxudicada por preto de 230.000 euros e dá solución a unha demanda veciñal para a mellora da seguridade viaria.
En concreto, o viario presentaba deficiencias derivadas da circulación de vehículos pola capa intermedia do firme, posto que a estrada carecía de capa de rodadura. Así, con esta actuación estendeuse a última capa de firme da estrada, a capa de rodadura. Tamén, en treitos que presentaban fisuración, fresouse e repúxose a capa intermedia do firme.
Amais, nos casos de deformacións, executouse a reparación mediante o saneo da zona localizada, coa extensión de macadam e reposición do firme.
Por último, a actuación completouse co repintado das marcas viarias e a colocación de sinalización vertical. A empresa encargada de levar a cabo a actuación foi COVSA.