Interceptan preto de Cíes un arrastreiro de Marín que faenaba de xeito irregular
Por Redacción
Ata 320 quilos de peixe incautou a Garda Civil a un barco arrastreiro de Marín que foi interceptado preto das illas Cíes faenando de maneira irregular.
Segundo informou o instituto armado, o barco atopábase pescando en fondo prohibido e fóra dos horarios establecidos pola normativa pesqueira.
Unha patrulleira do servizo marítimo da Garda Civil foi a que detectou este pesqueiro de arrastre navegando a escasa velocidade o pasado sábado ás dúas da tarde. Estaba entre as illas Cíes e A Guarda co sistema de localización e identificación automática apagado.
Unha vez foi abordado, os axentes comprobaron que estaba a faenar na modalidade de arrastre de fondo e foi conducido cos aparellos de pesca ata o porto de Vigo onde, unha vez examinada a documentación do barco e da tripulación, se lle formularon varias denuncias administrativas.
Unha das infraccións denunciadas foi por pescar fóra do período de actividade autorizado, xa que segundo a lexislación vixente as embarcacións deben cesar a súa actividade e permanecer no porto desde as 24 horas do venres ata as 24 horas do domingo.
Ademais, o barco foi denunciado tamén por faenar en fondo prohibido e por levar apagado o sistema de localización automático.
Todo o peixe incautado foi entregado no banco de alimentos de Pontevedra.